Conclúen as obras de acondicionamento do Camiño de Lanzós, na parroquia de Lago

Concello e Xunta traballan na reordenación do tráfico na zona para mellorar a seguridade vial na incorporación dos condutores á AC566 dende o vial de Aviño

Valdoviño, 6 de outubro de 2021. O Concello de Valdoviño vén de concluír as obras de acondicionamento do camiño de Lanzós, en Lago. Unha intervención financiada con cargo á liña de axudas de AGADER xunto con outras dúas actuacións na parroquia de Valdoviño, cun orzamento conxunto de 44.000 euros.

Así mesmo, e tralo remate dos traballos, o alcalde, Alberto González, avanzou que o Concello está a traballar coa Xunta, administración competente na AC-566, para reordear o tráfico na zona e mellorar a seguridade viaria, especialmente na incorporación dos condutores á estrada autonómica dende o vial de Aviño. Así, avanzou que se plantea establecer a dirección única na subida no vial de Aviño dende a AC566 á altura do establecemento do Paraíso. En sentido descendente haberá que tomar precisamente o camiño de Lanzós ata a saída do Pescador ou continuar ata Mourente e tomar alí a saída.