O Concello solicitará o apoio económico da Deputación para afrontar a construción da primeira escola infantil do municipio

O pleno respalda a proposta do goberno municipal de solicitar unha axuda de 450.000 euros para contribuír a financiar o proxecto, orzamentado en máis de 610.000 euros

Valdoviño, 8 de maio de 2024. O pleno do Concello de Valdoviño acordaba a semana pasada solicitar á Deputación unha axuda de 450.000 euros para financiar a construción da primeira escola infantil do municipio. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, explicaba que se trata dun proxecto no que o goberno local leva tempo traballando, despois de constatar un aumento continuo da demanda de prazas na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia, inaugurada en 2017. Nos últimos anos, e en paralelo ao crecemento demográfico experimentado por Valdoviño, as 20 prazas ofertadas cúbrense curso tras curso. Así, a posta en marcha dunha escola infantil permitiría, segundo o proxecto elaborado polo Concello e orzamentado en 611.313,83 euros, duplicar as prazas ata 41, dando resposta ás necesidades de conciliación das familias con fillos/as de 0 a 3 anos e, ao mesmo tempo, favorecería a elección de Valdoviño como residencia habitual para novos veciños e veciñas.

Alberto González lembraba que o Concello recababa o visto bo da Xunta para a construción, así como unha primeira subvención de 130.000 euros procedente do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado, financiado pola UE. Agora, o obxectivo é acadar o apoio doutras administracións ata cubrir practicamente o 100% do orzamento necesario, e neste punto, o papel da Deputación sería determinante en caso de que dé o visto bo á petición da corporación.

A escola infantil de Valdoviño, a primeira do municipio, emplazaríase na rúa Ensino, nuns terreos de titularidade municipal anexos ao CPI Atios. Aínda que se trataría dun inmoble independente, a súa cercanía a este favorecería as sinerxias e permitiría concentrar neste espazo os recursos educativos do municipio. Máis aínda se a Consellería de Educación atendese á reivindicación do municipio de dotar a Valdoviño dun IES cunha liña básica de FP. Neste caso, os nenos e nenas da localidade poderían completar todas as etapas formativas previas á Universidade sen desprazarse a outros concellos.