Valdoviño acollerá unha xornada informativa para achegar a Administración dixital á veciñanza
Con entrada libre, celebrarase o vindeiro luns ás 11 horas na Biblioteca
Valdoviño, 15 de maio de 2024. O Concello de Valdoviño acollerá o próximo luns, 20 de maio, unha xornada informativa e formativa da campaña “La Administración cerca de ti”, que impulsa o Ministerio de Política Territorial para achegar a Administración dixital á veciñanza, especialmente entre aquela poboación maior de 60 anos. Celebrarase na Biblioteca Municipal, ás 11:00 horas, aberta á cidadanía.
O obxectivo será fomentar e axudar aos asistentes no uso das ferramentas eléctrónicas dispoñibles. Así mesmo, facilitarase a todos os presentes a obtención in situ dos medios de identificación e firma dixital que lles permitirán o acceso aos servizos públicos evitando desplazamentos innecesarios e o custe económico que representa. Sobre todo, informarase daqueles trámites e xestións de maior utilidade que a veciñanza pode realizar a través de medios telemáticos, dende consultar a vida laboral ata revisar os puntos do carnet ou descargar unha certificación catastral.
A sesión está organizada pola Subdelegación do Goberno na Coruña co apoio do Concello de Valdoviño.