O Concello recorda a obriga de rozar e limpar terreos para previr incendios forestais
Incídese tamén na necesidade de garantir as condicións de hixiene e salubridade das parcelas en zona urbana, evitando que os peches vexetais invadan vías e espazos públicos ou excedan os 2,5 m de altura
Valdoviño, 9 de maio de 2024. O Concello de Valdoviño lembra aos veciños e veciñas titulares de terreos e parcelas a necesidade de mantelas limpas e rozadas para evitar que se produzan ou se expandan posibles lumes. Tamén incide na obriga dos/as propietarios/as de terreos en zona urbana da súa obriga de mantelos en condicións de hixiene e salubridade, lembrando neste caso que os peches vexetais non poden exceder os 2,5 metros de altura; deben contar cunha separación mínima de 0,50 m a lindes privados, e en ningún caso invadir vías e espazos públicos. Así se recolle en sendos bandos publicados polo alcalde, Alberto González, nos que solicita colaboración á cidadanía para garantir o cumprimento da Lei de prevención e defensa contra incendios no primeiro caso, e a Lei do Solo no segundo.
Sobre a xestión da biomasa forestal, incide en que a normativa autonómica é clara respecto dos criterios, e establece que os propietarios teñen a obrigatoriedade de manter limpas, rozadas e libres de restos de vexetación as súas fincas nunha faixa de 50 metros perimetral ao solo urbano, dos núcleos rurais e de vivendas illadas, ademais de manter unha distancia axeitada a pistas e outros equipamentos.
Subliña ademais o bando que esta esixencia, incluída a retirada de especies arbóreas, debe cumprirse antes de que remate ou mes de maio de cada ano.
A preocupación municipal non só se cingue á citada franxa senón tamén á parcelas urbanas, con vexetación que invade os espazos públicos, vulnerando as condicións de seguridade, salubridade e ornato público que recolle a Lei do Solo. Os bandos conclúen sinalando que, “polo ben de todo o noso Concello, respectémonos e cumpramos a lei, manteñamos limpas as parcelas (…) evitemos incendios, evitemos sancións”.