O Concello de Valdoviño recupera a festa infantil de Entroido no pavillón do Longoiro

Baixo a temática dos océanos, dará comezo este sábado ás 17 horas

Valdoviño, 21 de febreiro de 2022. O Concello de Valdoviño convida a nenos e nenas a participar este sábado 26 de febreiro no Encontro de Entroido Infantil que se celebrará a partir das 17 horas no pavillón municipal do Longoiro, en Meirás. Unha celebración que seguirá unha temática centrada nos océanos e que contará cunha morea de actividades para os máis pequenos e pequenas da casa. 

Así, haberá inchables, talleres creativos e ambientación musical. O caricaturista volverá a Valdoviño para realizar as súas particulares versións do público e contarase cunha zona baby para os meniños e meniñas de máis curta idade.

A entrada é libre, ata completar aforo, e reforzaranse especialmente as medidas de prevención fronte á covid-19. Isto suporá unha ampliación do número habitual de monitores e monitoras, tarefas de desinfección e aforos reducidos na participación das actividades propostas.