O Concello de Valdoviño celebrará o Samaín na contorna da igrexa vella e cemiterio de Loira co espectáculo “De cea cos defuntiños”

Terá lugar o luns 31 de outubro a partir das 18:00 horas

Valdoviño, 25 de outubro do 2022. O Concello de Valdoviño celebrará de novo o Samaín na contorna máxica da vella igrexa e cemiterio de Loira. Ata alí levará, no marco do programa cultural Escenarios Paralelos, o espectáculo de narración oral e música en vivo «De cea cos defuntiños », a cargo de Iseo A Moura. Será o luns 31 de outubro, con participación libre e punto de encontro para todos os veciños e veciñas interesados en asistir no camiño de acceso ás naves de Cándido Hermida. A hora de quedada é as 18:00 horas, iniciándose a partir de entón o percorrido ata o igresario. Como é costume, anímase a todo o mundo a acudir cos seus desfraces -pantamas, meigas, bruxos…-, cabazas e candeas. 

Xa na contorna da igrexa e cemiterio, Iseo A Moura, ser máxico que vive a cabalo entre o mundo dos vivos e o mundo dos mortos, esperará ao público para ofrecerlles catro historias, catro citas cos defuntos, para axudarnos a entender «a morte á galega».

Iso si, en caso de choiva, a actividade trasladarase á casa da cultura.