Pedras de Cartón pon o broche de ouro ao programa municipal do Día das Bibliotecas coa súa última montaxe, “Quixote”

A función terá lugar o domingo ás 18 h no auditorio da Casa da Cultura

Valdoviño, 26 de outubro do 2022. A compañía Pedras de Cartón trae este domingo a Valdoviño a súa obra «Quixote», un xogo cómico inspirado na obra de Miguel de Cervantes co que buscan achegar os clásicos a toda a familia, a través dunha proposta chea de humor e case sen palabras. Nela, Don Quixote viaxa polas terras de Castela no seu velocípedo, acompañado do fiel Sancho e un triciclo cargado de maletas. Así, cunha estética inspirada no pallaso clásico (moi ao estilo Fellini) e en clave de clown, a compañía céntrase nas escenas máis icónicas da novela, da relación antagónica entre Quixote e o seu fiel escudeiro Sancho. Con entrada de balde, a función celebrarase no auditorio da casa da cultura, a partir das 18:00 horas, e con ela o Concello pon o broche de ouro á programación deseñada polo Concello, co apoio do programa Ler Conta Moito, para conmemorar o Día das Bibliotecas. 

A dramaturxia do espectáculo é de Juan Rodríguez, que realizou a adaptación sen texto do Lázaro de Tormes. A dirección corre por conta de Laura Sarasola, de Caramuxo Teatro, que dirixiu conxuntamente con Pablo Sánchez o anterior espectáculo de Pedras de Cartón. Así, Quixote estará interpretado por Juan Rodríguez, que representou máis de 20 espectáculos para a infancia e a xuventude con Caramuxo Teatro, cos que conseguiu o María Casares ao mellor espectáculo infantil e recoñecementos na Red Nacional de Teatros, entre outras mencións, e Sancho Panza estará interpretado por Pablo Sánchez, profesional cun recoñecido traballo no campo do clown e o teatro físico, que participou en espectáculos de compañías como San & San, Elefante Elegante, Teatro dos Ghazafelhos, Os Contos de Pablísimo ou Trinke Trinke.