A Mancomunidade convoca un curso para a obtención do certificado de profesionalidade de socorrismo en medios acuáticos naturais
Aberto o prazo de presentación de solicitudes
A Mancomunidade vén de convocar un curso de formación para a obtención do certificado de profesionalidade de socorrismo en medios acuáticos naturais. Así, as persoas interesadas en participar no mesmo poden presentar a instancia no rexistro electrónico da Mancomunidade (mancomunidade@ferrol.es) por espazo de 8 días naturais dende a publicación das presentes bases no BOP da Coruña no día de hoxe. O modelo de solicitude e as bases poden descargarse e consultarse no seguinte enlace: https://cutt.ly/Rn856na
A formación de socorristas resulta esencial para o desenvolvemento turístico do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas que a Mancomunidade de concellos da Comarca de Ferrol promociona. Por este motivo solicitouse e obtívose unha axuda da Deputación da Coruña para o financiamento desta acción, que conta coa colaboración da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA), Centro Formador Acreditado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
O curso, gratuíto e con prazas limitadas, ten unha duración de 420 horas, consistentes en 340 horas formativas e 80 horas de prácticas profesionais non laborais en espazos acuáticos naturais. Para optar a unha das prazas é preciso ser maior de 16 anos; posuír, como mínimo, a Certificación ESO, como formación mínima acreditada; e estar empadroado en calquera dos seguintes concellos que forman parte do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas: Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.