O local social de Sequeiro estréase como centro de formación para o emprego
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, daba a benvida esta mañá ás 14 alumnas do itinerario de Agricultura Ecolóxica do Programa Integrado de Emprego que promove a Mancomunidade
Valdoviño, 6 de maio de 2024. O alcalde, Alberto González, acompañado da concelleira de Educación, Rosana García, e do edil de Servizos, Benito Vega, daban a benvida ás 14 alumnas do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade que esta mañá iniciaban no local social de Sequeiro o itinerario formativo de Agricultura Ecolóxica. O rexedor apuntaba que con esta acción a antiga unitaria da Carreira estréase como centro de formación para o emprego, despois de que o Concello tramitase ante a Xunta a súa homologación. Neste sentido, a edil agradecía o apoio brindado polos técnicos da Mancomunidade, cos que a Administración local avaliou diferentes inmobles públicos para acoller este tipo de iniciativas.
O itinerario de Agricultura Ecolóxica, de 97 horas de duración, consta de 5 especialidades (agricultura ecolóxica -do 6 ao 13 de maio-, fertilización en agricultura ecolóxica -do 14 ao 20 de maio-, defensa contra pragas e enfermidades en agricultura ecolóxica -do 21 ao 24 de maio-, explotacións agrarias na agricultura ecolóxica -do 27 ao 29 de maio- e semente de pebideiros -do 29 de maio ao 3 de xuño-).
Ao longo da acción, intercalaranse horas de teoría e de prácticas, e para iso, o Concello acondicionou unha parte da parcela anexa ao local social, facilitando a prantación. Así mesmo, as alumnas terán a posibilidade de realizar dúas saídas á Escola de Agricultura Ecolóxica de Vilasantar e á Explotación de Agricultura Ecolóxica Bieiteiras (As Pontes), ademais de realizar prácticas unha vez completen esta fase do itinerario.