O Concello volverá a licitar a construción da segunda planta do centro sociocomunitario e as obras de bombeo en Montefaro

Tras rescindir os contratos adxudicados ante a renuncia das empresas, o pleno dá luz verde aos novos procesos, cun investimento conxunto superior ao 1,5 millóns de euros

Valdoviño, 3 de maio de 2024. O pleno do Concello de Valdoviño acordaba onte, por unanimidade, sacar de novo a contratación as obras de construción da segunda planta do centro sociocomunitario, que albergará o primeiro centro de día do municipio, entre outros usos, e as obras de saneamento en Montefaro. Dúas intervencións orzamentadas en 1.314.221,47 e 208.475,82 euros respectivamente, que no seu día foron licitadas e adxudicadas. Sen embargo, as empresas renunciaron aos contratos alegando que a crise da covid-19 e a guerra de Ucraína tiñan provocado un encarecemento dos prezos dos materiais que lles impedían levar a cabo as actuacións cos presupostos previstos inicialmente.

O Concello rescindía entón os contratos de muto acordo e traballaba na modificación dos proxectos para adaptalos ao contexto actual. En paralelo, recababa os fondos necesarios para asumir ese aumento de custes. Preto de 340.000 euros no caso do centro sociocomunitario, e de algo máis de 56.000 euros no proxecto de saneamento. En suma, 395.954,41 euros máis, que o Concello financiará cun crédito. Co paso dado onte en pleno, a Administración local está en disposición de sacar de novo a contratación as intervencións.

En relación ao centro sociocomunitario, permitirá materializar a terceira fase da actuación. Nas dúas primeiras a Administración local procedía á rehabilitación integral do antigo mercado para transformalo no actual centro sociocomunitario, o primeiro da localidade. Con esta terceira fase prevese aumentar unha segunda planta ao inmoble, conectada a través dunha pasarela coa casa da cultura, e destinala a centro de maiores, e aula de formación.

A intervención en Montefaro facilitará o acceso ao servizo de saneamento coa execución dos traballos de bombeo. Dende hai anos, as canalizacións da rede están feitas, pero ao carecer do sistema de bombeo por unha mala planificación dos traballos, nunca foi posible ofrecer o servizo.