O goberno de Valdoviño aproba o expediente de expropiación do Siroco, paso previo á súa demolición

O edificio, situado en primeira liña da praia da Frouxeira, atópase nun estado de deterioro moi avanzado dende hai anos

A demolición do antigo bar Siroco, na praia da Frouxeira, está máis preto. A Xunta de goberno local aprobaba inicialmente a tarde do xoves o expediente de expropiación urbanística para que o edificio, que degrada a imaxe da contorna do areal, pase a ser de titularidade municipal. É o paso previo para o seu demandado derribo. O Concello pretende facer desaparecer o inmoble, e incorporar a parcela que ocupa ao sistema xeral viario, mellorando a conexión peonil entre as dúas vías que conflúen na zona.

O goberno de Alberto González dá o primeiro efectivo paso para acabar dunha vez por todas con ese edificio abandonado dende hai anos, situado na primeira liña de praia, e que se atopa en avanzado estado de deterioro (sen fiestras na parte superior, cos accesos e ventás do baixo tapiadas, con pintadas, gretas…)

A decisión chega xusto despois de que a Intervención municipal autorizase un gasto pola cantidade de 17.604,73 euros, correspondentes á valoración técnica realizada da expropiación. O expediente pasará agora un período de información pública para que as persoas interesadas formulen as reclamación que consideren oportunas.

A demolición do edificio colea dende hai 15 anos, momento no que Demarcación de Costas procedía, no marco do proceso de recuperación e mellora da Frouxeira, ao derribo do restaurante La Rotonda, situado xusto enfronte do Siroco. Con todo, este é o primeiro avance real para poder materializar o proxecto.

O Concello pretende aproveitar a parcela, unha vez liberada, para mellorar a conexión peonil entre as dúas estradas que conclúen neste punto, conectando as beiravías da Aldea A Lagoa e da Estrada á praia. Unha medida que contribuirá a optimizar a seguridade viaria na contorna de areal, que soporta no verán un intensísimo fluxo de vehículos.