O pintor vilalbés Eduardo Baamonde trunfa no “II Concurso de pintura rápida de Concello de Valdoviño”

Participaron no certame un total de 23 artistas chegados de distintos puntos da Península

Valdoviño celebraba este sábado a segunda edición do seu Concurso de Pintura Rápida ao aire libre. O certame, centrado desta volta na paisaxe, o territorio e as xentes da parroquia de Meirás, que os participantes plasmaron nas súas obras contrarreloxo, contou con artistas galegos e máis outros procedentes de Castela León, Extremadura ou País Vasco. O primeiro quedou en Galicia. Foi para o recoñecido pintor vilalbés Eduardo Pérez Baamonde.

Na cita participaron 23 pintores, se ben finalmente, un deles decidiu non presentar o seu traballo, que foron quen de captar nas súas obras, a maxia das terras de Meirás: a capela do Porto, a praia do Río, as súas calas, a batería de Campelo, ou elementos da súa etnografía.

Tras a exposición dos cadros a concurso nas inmediacións do parque da Frouxeira o xurado, integrado por Manolo Carballeira, gañador da anterior edición, José Ángel Fernández, persoa vencellada ao mundo da Cultura en Valdoviño; Magdalena Bouzamayor, licenciada en Belas Artes; Enrique Vázquez, técnico de Cultura de Cedeira, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, emitía o seu fallo.

O primeiro premio, dotado con 1.000 euros e diploma foi para Eduardo Pérez Baamonde cunha obra que mostra un conxunto de hórreos localizado en Taraza. Francisco Victoria Canovas foi segundo (500 euros e diploma) e a terceira clasificada foi Mercedes Ballesteros (300 euros). No que atinxe ás distincións espaciais, o gañador do Premio Local foi Leopoldo González (200 euros) e o Premio Xuventude Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal (150 euros) recaeu en Marín Núñez Lamas.

 

O alcalde, Alberto González, destacaba a boa participación rexistrada, que garante a continuidade da iniciativa, e felicitaba aos artistas que competiron nesta edición, pola capacidade mostrada para captar a espectacular beleza de Meirás a través da súa arte, e pola calidade dos traballos.