O Concello dota de asentos as gradas do pavillón municipal de O Longoiro, en Meirás

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de instalar asentos sobre as gradas de formigón do pavillón municipal de O Longoiro, na parroquia de Meirás. Uns traballos que supoñen unha mellora para estas instalacións municipais e, especialmente, para o público que acoda a ver algún encontro ou actividade. A actuación requeriu dun investimento de 5.000 euros e vense a sumar ás obras de mellora realizadas nos últimos anos como a dotación dun sistema de drenaxe para evitar as filtracións ao interior ou a renovación dos portalóns e o pintado da cancha.
 
Así mesmo, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzou tamén outras dúas intervencións en carteira: a renovación da iluminación coa implantación de lámpadas LED e máis a substitución dunha parte da cuberta, hoxe en día moi deteriorada.