O Concello presenta este luns a Estratexia municipal de prevención de violencias machistas e fomento da igualdade

O alcalde, Alberto González, convidou esta mañá á veciñanza a tomar parte na presentación da Estratexia Municipal de Prevención das Violencias Machistas e Fomento da Igualdade entre Mulleres e Homes. Un documento no que se estivo a traballar nos últimos meses a nivel municipal e comunitario co fin de activar os mecanismos e recursos necesarios para construír un concello libre de violencia machista. A súa presentación coincidirá co Día Mundial contra a Violencia de Xénero, este luns 25 de novembro. Será na Casa da Cultura, a partir das 18 horas, e entrada de balde.
 
Así mesmo, o acto incluirá o visionado do filme «As mulleres co mundo na cabeza», un documental do Consello da Cultura Galega dirixido pola historiadora Encarna Otero. Visibiliza o papel das mulleres anónimas do Pindo (Carnota) que sustentaron ás súas familias e que non deixaron ninguna pegada nos rexistros oficiais. Seguiralle un debate colectivo posterior.
 
A Estratexia ten a vontade de artellar novas apostas para fortalecer o traballo que se vén desenvolvendo dende o Concello de Valdoviño en materia de prevención de violencias machistas e de fomento da igualdade. Por iso, contempla medidas que atravesan a administración municipal e activan os medios, mecanismos e recursos necesarios para cumprir coas obrigas legais e incorpora a igualdade de xénero como un tema fundamental no día a día da axenda política municipal nos vindeiros catro anos.