Valdoviño acolleu unha xornada de traballo do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia

A Casa da Cultura de Valdoviño acolleu na tarde do pasado xoves unha das reunións das empresas turísticas participantes no programa Turismo Slow Norte de Galicia, un proxecto pioneiro en Galicia e tamén en España posto en marcha en 2015 polas Mancomunidades de Ferrolterra e Mariña Lucense co apoio da Axencia Turismo de Galicia. Así, nun ambiente distendido, traballouse na planificación estratéxica do proxecto.
 
O Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto de participación voluntaria para aquelas empresas de aloxamento que cumpran os requisitos e, sobre todo, que teñan a motivación e ilusión necesarias para participar nun proxecto colectivo deste tipo e cun triple compromiso: o Compromiso ambiental, de sostibilidade e coidado do entorno, o Compromiso coa calidade (priorizando a calidade dos aloxamentos e a profesionalidade das persoas responsables deses aloxamentos), e o Compromiso co proxecto, que se refire á implicación e interese pola consolidación do proxecto.
 
Na actualidade, participan un total de 45 aloxamentos, dos cales 22 pertencen ao Xeodestino de Ferrolterra, e concretamente aos concellos de A Capela, As Somozas, Cabanas, Cedeira, Cariño, Ferrol, Monfero, Mañón, Ortigueira e Valdoviño.
 
Así, nas reunións do grupo de empresas participantes no proxecto establécense as tarefas para continuar co desenvolvemento dun produto innovador e sostible, que poña en valor as características sociais, culturais e naturais do noso destino turístico, que presenta unha vantaxe moi valorada por aquelas persoas que escapan da masificación turística, como é precisamente a tranquilidade e a súa riqueza patrimonial e gastronómica.
 
Ademais, comentáronse os efectos que se están notando xa nos aloxamentos adheridos ao proxecto, nos que as estancias da clientela aloxada son cada vez máis amplas, quedándose de media entre 5 e 7 días.