O Concello abre as portas do Océano Surf Museo durante toda a Semana Santa

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Océano Surf Museo, o primeiro adicado a este deporte en España, abrirá as súas portas durante toda a Semana Santa. Unha oportunidade para facer un percorrido, dende as súas mesmas orixes, pola historia do surf e os valores asociados. Así, as instalacións poderán visitarse hoxe e mañá mércores de 12 a 14 horas, namentras que o xoves, venres, sábado e domingo o horario ampliarase tamén á tarde, de 16 a 19 horas. O rexidor lembra que a entrada é libre e de balde, co que non hai excusa para non marcar na axenda este plan.
 
O Océano Surf Museo está ubicado na Casa da Cultura, edificio singular Premio Nacional de Arquitectura e obra do prestixioso arquitecto Manuel Gallego Jarreto. Ocupa a súa primeira planta, unha gran galería acristalada aberta á praia da Frouxeira e válese tamén da sala de exposicións do inmoble para impulsar mostras temporais e do auditorio, como escenario de ciclos de cine, festivais de música ou charlas e congresos. Conta con paneis informativos, audiovisuais, obxectos únicos e singulares e un espazo de realidade virtual.