O Concello de Valdoviño celebra a súa IV Gala do Deporte este venres

Terá lugar no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 20:30 horas

Valdoviño, 18 de abril do 2023. O auditorio da Casa da Cultura acollerá este venres 21 de abril a cuarta edición da Gala do Deporte de Valdoviño. Un acto de entrega de galardóns co que o Concello quere recoñecer e pór en valor os méritos dos deportistas locais ao longo do pasado exercicio, pero tamén o labor de entidades, clubes e veciños a prol da promoción do deporte no municipio. O acto dará comezo ás 20:30 horas, conducido polo xornalista Raúl Salgado. 

Nesta liña, o Concello quere agradecer a colaboración dos xornalistas deportivos da comarca, que participaron xunto a representantes municipais no xurado que valorou as candidaturas. E, en concreto, a Juan Quijano (Diario de Ferrol), Adán Puentes (Galicia Ártabra Digital) e o propio Raúl Salgado (Cadena Ser e Ferrol360). Así mesmo, os galardóns recoñecerán a deportistas de preto de corenta disciplinas deportivas, ademais das mencións especiais, e ao remate da gala, darase a coñecer ao/á mellor deportista local do 2022. 

Dadas as limitacións do aforo, a entrada ao auditorio é por invitación -cada premiado recibirá 4-.