O Concello presenta o proxecto de saneamento do polígono das Boeiras á liña de axudas aberta pola Consellería de Industria

As obras están orzamentadas en preto de 170.000 euros, e permitirían dar ese primeiro paso para activar a posta en marcha do polígono

Valdoviño, 6 de febreiro do 2023. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzou esta mañá que o Concello vén de presentar ante a Consellería de Economía e Industria o proxecto de saneamento na Carreira, Fase I, co obxectivo de recabar a financiación necesaria para a súa execución, estimada en 169.703,77 euros. Opta á liña de axudas habilitadas para a mellora de infraestruturas dos parque empresariais de Galicia, e permitirían materializar ese primeiro paso para activar o polígono das Boeiras, e ademais, facilitar o acceso a este servizo básico por parte da veciñanza da zona, sita na parroquia de Sequeiro. 

Ese foi un dos compromisos adquiridos polo alcalde nunha das últimas xuntanzas co presidente da SEPES, Fidel Vázquez, para desenvolver o polígono industrial: acompañar con medidas concretas no marco das competencias municipais a acción do organismo estatal. Entre outras, en materia de saneamento e abastecemento -neste caso, estase a elaborar a memoria e valoración de custes de obras-. 

O Concello de Valdoviño, xunto a Narón, dispón nas Boeiras dunha área de chan incorporado ao Plan Sectorial de Áreas Industriais de Galicia duns 1.200.000 metros cadrados de superficie -95% propiedade do SEPES-. As Boeiras sitúase a escasos 500 metros da AG-64, limitando coa AC-566 e a AC-121, e por tanto, está practicamente conectado coas vías de alta capacidade, a AP-9, FEVE ou infraestruturas como o propio porto exterior de Ferrol. Unha posición e unhas posibilidades que, co apoio do SEPES, permitirían a Valdoviño captar proxectos empresariais que incidan directamente no seu desenvolvemento económico, xerando emprego e captando nova poboación.