O Concello solicita a paralización do parque eólico Badulaque á vista dos erros detectados na resolución da súa Declaración Ambiental

No escrito sinálase que o Concello non presentou alegacións, cando foron rexistradas e así consta documentalmente os días 2 e 3 de setembro de 2021, polo que se pide aclaracións sobre se foron valoradas

Valdoviño, 2 de febreiro do 2023. O Concello de Valdoviño reitera a súa oposición ao parque eólico Badulaque e insta ao Goberno central a dar marcha atrás na súa aprobación. Nun escrito asinado polo alcalde e remitido hoxe á Subdelegación do Goberno na Coruña, alerta dun grave erro na resolución publicada no Boletín Oficial do Estado pola Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental pola que se formula a Declaración Ambiental do parque. Nun dos anexos, indícase que o Concello de Valdoviño non presentou alegacións ao parque, cando estas se rexistraron, xunto ás dos propietarios e afectados, con data de 2 e 3 de setembro de 2021. Á vista desta situación, o Concello solicita á subdelegación que aclare se foron valoradas, xa que tampouco se recibiu resposta ao respecto, e en caso contrario, que se paralice o procedemento, se retrotraigan as actuacións e se redacte unha nova Declaración de Impacto Ambiental. 

No seu escrito, o Concello tamén sinala que con data do 4 de xullo de 2022 a propia Enegreen Power cursou unha solicitude ante a Administración local requerindo o informe/certificación da clasificación do solo e súa compatibilidade de uso. Na súa remisión de información, o Concello advirte da aprobación en pleno, con data do 25 de novembro de 2021, dunha modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento relativa á delimitación de núcleos rurais coa que algúns dos aeroxeneradores planteados non cumplirían a distancia mínima de 500 metros aos núcleos rurais de O Seixidal e San Pedro. 

Por último, o Concello solicita unha reunión urxente coa subdelegada e co delegado do Goberno en Galicia para aclarar a situación xerada. Así mesmo, bota en falta que a Xunta non informase xa no seu momento sobre o impacto do parque e limitase a súa valoración a indicar que non estaba incluído no Plan Eólico de Galicia. Máis aló, a falla de resposta ás alegacións supón en todo caso unha auténtica falta de respeto aos veciños e veciñas do municipio.