A Biblioteca Municipal acollerá este venres a presentación do libro “Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida”

A partir das 18 h, a veciñanza poderá tomar parte nun obradoiro de xogos tradicionais para todos e, ás 19 h, comezará a presentación

Valdoviño, 7 de febreiro do 2023. A Biblioteca Municipal de Valdoviño acollerá este venres 10 de febreiro a presentación do libro «Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida». Será a partir das 19:00 horas, aínda que unha hora antes, ás 18:00 horas, nenos e maiores poderán participar xa nun taller de xogos. 

A publicación foi elaborada durante o confinamento polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, co ánimo de que os máis pequenos e pequenas puidesen acceder e desfrutar de propostas lúdicas en espazos reducidos e nun clima familiar. Esas propostas que inicialmente se divulgaron a través da web www.xogostradicionais.gal, recolléronse posteriormente nesta obra editada pola Deputación de Lugo. Recopila un total de 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza. Dela falarannos este venres o escritor e investigador Antón Cortizas; Manuel Seixas, de Somos Enredos SL; Secundino G. Mera, do Museo Etnográfico da Capela, e Xabier L. García, do CEIP A Capela e do Centro de Interpretación Brinquedos.