Arrancan as obras de reforma integral do antigo palco da música de Loira para convertelo no local social da parroquia
O Concello investirá, xunto ás obras de mellora da accesibilidade do local de Vilaboa, preto de 86.000 euros con cargo ao POS Complementario
As obras de reforma integral do antigo palco da música de Loira para convertilo en local social arrancaron esta semana na parroquia. Os concelleiros de Obras e Deportes, Alejandro García e Sergio Saavedra respectivamente, realizaban esta mañá unha visita de supervisión á intervención, que executa a empresa MT2001. Xunto aos traballos de mellora da accesibilidade do local social de Vilaboa, o Concello investirá preto de 86.000 euros con cargo ao POS Complementario 2019 da Deputación provincial da Coruña.
A actuación en curso busca dotar de maior funcionalidade a este espazo e, consecuentemente, ao seu entorno máis inmediato, que conforman a pista polideportiva, o parque infantil e máis os aseos accesibles construídos polo Concello anexos ao palco. Precisamente, a actuación prevista completará esta última e seguirá a mesma estética.
A día de hoxe, o antigo palco da música está conformado por unha planta baixa destinada a local de reunións e unha planta alta deseñada como espazo de representación e usos múltiples. Data do ano 1987, construído cunha estrutura de formigón armado con pechamentos de ladrillo. Ata o momento, non conta coas condicións mínimas esixibles de illamento e os seus acabados están obsoletos. Así mesmo, o acceso á parte alta realízase a través dunha escaleira estreita e con moita pendente, co conseguinte perigo para os seus usuarios. Un conxunto de circunstancias que o converten nun inmoble pouco útil para desenvolver actividades dentro da comunidade.
Coas obras en marcha, o edificio sufrirá unha transformación radical e garantirase a accesibilidade á planta alta. Primeiramente, realizarase un drenaxe perimetral da contorna da edificación, instalaranse baixantes e canalóns de zinc, tamén ventás corredoiras plegables con rotura de ponte térmica na planta alta. Un sistema que permitirá abrir por completo a planta para realizar actividades ao aire libre. Para acceder a esa planta alta dotarase o local dunha escaleira metálica e abrirase unha porta de acceso no lateral máis próximo a esta.
Así mesmo, revestirase o chan cun pavimento de tarima flotante. Reaxustarase a instalación de electricidade e iluminación do inmoble ás novas necesidades e renovarase cada centímetro da fachada exterior.