O Concello de Valdoviño abre o prazo de solicitudes para participar na bolsa de emprego de técnico/a de museos

Creará unha lista de aspirantes de persoal funcionario interino coa que dar cobertura á praza cando sexa necesario

Valdoviño, 13 de maio de 2024. O Concello de Valdoviño creará unha bolsa de emprego de técnico/a de museos para dar cobertura á praza cando sexa necesario. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe a convocatoria e as bases, co que a partir de mañá martes, 14 de maio, abrirase un prazo de 10 días naturais para presentar as solicitudes para participar no proceso, mediante o sistema de concurso-oposición. O trámite pode realizarse a través da sede electrónica ou presencialmente, no rexistro da casa consistorial.

Segundo explica a concelleira de Cultura e Turismo, Rosana García, crearase unha lista de aspirantes de persoal funcionario interino, Grupo A2, escala de Administración Especial, Subescala de Servizos Especiais. Entre as súas funcións estará: dirección do museo municipal; organización e catalogación do contido; elaboración e supervisión do plan museolóxico e outros documentos previstos na normativa reguladora dos museos; realización dos trámites necesarios para a incorporación de pezas ao museo; atención ao público e información sobre o contido do museo; organización e promoción de actividades relacionadas co museo (incluíndo comisariado de exposicións e mostras); relación con organismos públicos, museos e entidades; redacción de publicacións relacionadas co ámbito do museo; colaboración na xestión e execución das actividades que se realizan na Casa da Cultura; tramitación de axudas e subvencións da súa área; traballo administrativo derivado dos trámites anteriores, ou colaboración e asistencia ao persoal da Casa da Cultura.

As probas selectivas realizaranse polo sistema de concurso-oposición, e entre outros requisitos, figura estar en posesión, ou en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, de Titulación universitaria relacionada directamente co ámbito da xestión de museos (Historia da Arte, Historia, e Humanidades na especialidade de Patrimonio e Xestión Cultural).