Aberto o prazo de inscrición nos cursos de salvamento e socorrismo convocados por Deputación para moz@s desempregad@s

As persoas interesadas poden anotarse na casa consistorial

A Deputación provincial da Coruña vén de convocar cursos de salvamento e socorrismo acuático en espazos naturais e instalacións deportivas dirixidos a mozas e mozos desempregados con 18 anos cumpridos. Así, as persoas interesadas en tomar parte poden anotarse dende xa e ata o 4 de febreiro no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial e teléfono 981 48 70 41 ext.5). O Concello de Valdoviño ten asignadas 6 prazas.

Trátase de accións formativas acreditadas, coas que se expedirán os correspondentes certificados de profesionalidade de nivel 2 logo de cumprir os requisitos previstos no itinerario de salvamento e socorrismo acuático. Contemplan formación complementaria en manexo do desfibrilador semiautomático (DESA) e formación transversal en inserción laboral, sensibilización medio ambiental e na igualdade de xénero.

A formación teórico-práctica realizarase no Centro de Formación de Cruz Vermella na cidade de A Coruña e as prácticas profesionais non laborais, en praias de concellos da provincia. Primeiro desenvolverase a formación en espazos naturais con data de inicio prevista para mediados de febreiro e logo da tempada de praias, previsiblemente a finais de setembro, desenvolverase a formación en instalacións acuáticas.

+información na web https://emprego.dacoruna.gal ou no correo electrónico pel.socorrismo.acuatico@dacoruna.gal.