O Concello saca a contratación as obras de mellora da eficiencia enerxética das dependencias do Xulgado de Paz e Garda Civil
A actuación completarase con actuacións de mellora da accesibilidade
Valdoviño, 14 de maio de 2024. O alcalde, Alberto González, informaba esta mañá de que o Concello de Valdoviño vén de licitar as obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio que acolle as dependencias da Garda Civil e o Xulgado de Paz, anexo ao Centro Sociocomunitario. Unha intervención sobre a envolvente do inmoble e os espazos interiores, que tamén suporá algún cambio na redistribución das diferentes áreas nas que se distribúen as instalacións e melloras na accesibilidade. A actuación está orzamentada en algo máis de 350.000 euros, cun prazo de execución de 7 meses, e o Concello contará con fondos do Ministerio de Transición Ecolóxica e o IDAE para afrontar a maior parte do investimento grazas a unha achega de 246.272 euros. É a segunda vez que a Administración local inicia o procedemento de licitación, tras un primeiro intento fallido no que o concurso público quedou deserto. Neste caso, as empresas interesadas en acceder ao contrato poden presentar a súa oferta ata o 5 de xuño, e consultar os pregos na plataforma de contratación do sector público.
As obras permitirían un aforro enerxético do 73%, así como o cambio da certificación enerxética do edificio da categoría D actual á A. Para iso, a intervención contempla 3 liñas de actuación. En primeiro lugar, sobre a envolvente térmica, con obras de mellora do illamento da fachada, chan interior e teitos/cuberta, así como renovación de carpinterías e vidros. En segundo lugar, actuarase nas instalacións térmicas, coa substitución do actual termo eléctrico por unha instalación por bomba de calor e dos radiadores por outros aparellos máis eficientes, ademais de renovarse o sistema de ventilación. E, por último, a actuación contempla a substitución de toda a iluminación por tecnoloxía LED.
Ademais, os traballos tamén contemplan a ampliación do vestíbulo de entrada para reconvertilo en zona de espera para o Xulgado de Paz, así como obras de accesibilidade para crear un aseo adaptado para cada sexo. Se abandonar esta zona, dotarase o xulgado dun novo mostrador e ampliarase o arquivo. En canto ás estancias da Garda Civil, manterase a distribución de partida con cambios menores, como a eliminación do calabozo.
O Concello presentaba o proxecto á convocatoria de proxectos singulares locais de enerxía limpa do “Programa de Desarrollo Urbano Sostenible” (DUS 5000), financiado polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dentro dos fondos Next Generation. A iniciativa permite dar continuidade as accións do goberno local para avanzar cara modelos máis eficientes e sostibles que permiten un aforro ás arcas municipais a través da redución das facturas de subministros.