As nosas actividades e iniciativas solidarias.
No concello de Valdoviño levamos a cabo diferentes iniciativas sociais para diversas causas benéficas non lucrativas, Carreiras solidarias e outros programas cos que facemos participes a toda a población.
Únete ti tamén!
EcoSolidarios. Punto de recollida de tapóns con fins solidarios
Dende o mes de xuño de 2021, o Concello de Valdoviño conta co seu primeiro punto EcoSolidario para a recollida de tapóns usados con fins solidarios. Sitúase nas inmediacións do parque infantil da praia da Frouxeira, obra do Ferreiro de Valdoviño. O seu obxectivo principal é favorecer a reciclaxe deste tipo de residuos, e ao mesmo tempo, colaborar cunha causa solidaria. Así, a través dun código QR instalado na infraestrutura, informarase de cada proxecto solidario.
Na actualidade, os tapóns que se recollan destinaranse á iniciativa «Alba, la promesa», que promove ASPANEMI -Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía-. Un programa que arrancaba aló polo ano 2012 coa intención de recadar fondos para axudar a financiar o custoso tratamento que permite mellorar a calidade de vida de Alba, unha moza que sufre unha lesión cerebral dexenerativa pola perda progresiva de mielina nas células.
Deste xeito, e coa axuda da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil, os tapóns trasladaranse á entidade, con sede en Narón, e esta encargarase á súa vez de transportalos á planta xestora de residuos do Porriño (Pontevedra).
Rutas Saudables
O Concello de Valdoviño e a Asociación Española contra o Cancro únense para poñer en marcha un programa de Rutas Saudables no municipio. Con el, buscan combater o sedentarismo a través da promoción dunha vida activa, construíndo un espazo de encontro que facilite as relacións persoais, aumentando así a motivación necesaria para impulsar a práctica de exercicio físico.
Aberto á poboación en xeral, nenos/as e adultos/as, os percorridos celébranse entre setembro e xuño con periodicidade quincenal, os domingos. Pola dinámica da acción, as prazas son limitadas, e a inscrición debe formalizarse no tlf. 981 37 00 03 e o correo ferrol@contraelcancer.es. Hai que sinalar nome e apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto. Na primeira xornada, as persoas participantes deberán cumplimentar o test RAPA (Rapid Assesment of Physical Activity), xa que se realizará un seguemento e avaliación da evolución do seu estado físico.
A AECC lembra que en España o 44,4% da poboación de 15 ou máis anos non realiza exercicio, ocupando o seu tempo de lecer de forma sedentaria. Trátase dun dos 4 factores de risco máis importantes para a saúde: responsable do 6% das mortes en todo o mundo e potenciador activo para cancros como o de colon e de mama e doutras doenzas como a diabetes e a cardiopatía isquémica.
Con proxectos como as Rutas Saudables xenérase un espazo de actividade física periódico que facilita a adquisición do hábito de realizar exercicio. Ademais, preséntase como un espazo de encontro con outras persoas, aumentando o compromiso coa actividade e favorecendo as relacións persoais. Por último, constitúe unha oportunidade única para coñecer mellor, e desfrutar, o territorio.
Traballo en Rede
Ademais, o Concello de Valdoviño colabora con outras entidades do ámbito sociosanitario baixo diferentes fórmulas. Así, xunto a asociacións como Afal Ferrolterra -Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias- promove obradoiros de envellecemento activo centrados na música. Colabora a través da Mancomunidade con entidades como Aspaneps en programas de atención ás persoas afectadas. Traballa estreitamente con asociacións como ASCM ou Aprende a Voar na implementación de iniciativas en materia de accesibilidade, ou leva a cabo proxectos nas aulas de prevención de condutas aditivas da man de Asfedro e de prevención dos efectos da radiación do sol na pel xunto a Asociación Española contra el Cáncer.