“Tróupele, Tróupele”, gañadora do XX Festival de Comparsas de Entroido
«Tróupele, Tróupele», de Narón, volveu a facerse co trunfo no Festival de Comparsas do Concello de Valdoviño, celebrado o pasado sábado. Así mesmo, A Canteira, de Neda, recibiu o premio especial do xurado.
Valdoviño despedía así o seu entroido cun festival que alcanza a súa XX edición. Nel, tomaron parte preto de 340 persoas pertencentes a nove comparsas (ademais das citadas, Os Colludos (Narón); Os Parrandolos (Narón); Colexio Rural Agrupado (Valdoviño); Os Trastos (Valdoviño); Os Faranduleiros (Valdoviño); Semente Trasancos (Narón), e Os Chorlitejos (Valdoviño)). Tamén houbo participación na categoría Outros, dos seguintes grupos: «O granxeiro e a cabaza falcatrueira»; disfraces «Carapuchiña Vermella» e disfraces «Valdoviño encantado». Así mesmo, e por segundo ano consecutivo, dous grupos de Aspanaes participaron fóra de concurso no desfile.
As malas previsións meteorolóxicas non impediron que o bo humor tomase as rúas e se celebrase o desfile e posterior festival, que contou coa participación do cómico galego Pedro Brandariz.