Praias
O principal patrimonio de Valdoviño son as súas praias. En 25 kilómetros de litoral hai unha oferta do máis variada: dende os areais máis recoñecidos, que ofrecen todo tipo de servizos, ata pequenas calas virxes escondidas entre cantís; dende areas brancas e finas ata rochas e grava; dende ondas de campionato ata augas mansas.
Sexan cales sexan os nosos gustos, seguro que Valdoviño conta coa nosa praia ideal.
Campelo
Cercada por impresionantes cantís, esta praia ventosa e de area branca é moi característica polas súas grandes pedras. Descuberta para o surf nos primeiros anos 80, as súas condicións fan de Campelo un dos lugares máis destacados da bisbarra para surfear.
Coordenadas GPS: 43° 34' 59.0046" N - 8° 12' 51.591" O.
Lonxitude: 300 m.
Anchura media: 11 m.
Equipamento: -.
O Río (Meirás)
Malia súa condición semiurbana, a praia de Meirás atópase en mar aberto, nun fermoso escenario para observar as ondas batendo contra os cantís próximos. De forte ondada e abundantes correntes, conta con numerosos servizos.
Coordenadas GPS: 43° 36' 6.0006" N - 8° 11' 40.2144" O.
Lonxitude: 220 m.
Anchura media: 15 m.
Equipamento: Salvamento, limpeza, papeleiras, aseos, duchas, accesible para discapacitados, hostalería e cámping.
O Rego
Para aqueles que desexen fuxir da máis masificada praia de Meirás, este areal cercano refuxia baixo a súa forma de dobre cuncha un espazo tranquilo, de area branca e fina. As condicións do Rego son de forte ondada e bastante vento.
Coordenadas GPS: 43° 36' 23.619" N - 8° 11' 27.2538" O.
Lonxitude: 160 m.
Anchura media: 8 m.
Equipamento: Cámping.
Cano Grande
Na sucesión de pequenas praias con que conta Meirás atópase Cano Grande, un areal de entorno rural que mantén as características da zona: vento desapacible, forte ondada e area branca e fina.
Coordenadas GPS: 43° 36' 32.0394" N - 8° 11' 26.6562" O.
Lonxitude: 70 m.
Anchura media: 11 m.
Equipamento: Cámping.
Os Botes (Mourella)
Zona de fondeo de embarcacións, esta praia mistura grava e area e, como todas as de Meirás, está marcada polo vento e a forte ondada.
Coordenadas GPS: 43° 36' 33.4944" N - 8° 11' 32.7372" O
Lonxitude: 130 m.
Anchura media: 17 m.
Equipamento: Cámping.
O Porto
Aínda que non é moi destacada polas súas características como praia (rochas, grava, forte vento e pouco espazo para o baño), a cala da ermida do Porto é unha das visitas ineludibles no concello.
Zona utilizada habitualmente para o fondeo de pequenas embarcacións.
Coordenadas GPS: 43° 36' 33.4944" N - 8° 11' 32.7372" O.
Lonxitude: 100 m.
Anchura media: 7 m.
Equipamento: -.
Praia dos curas
Esta pequena cala é o perfecto contrapunto á súa veciña A Frouxeira. Composta por area e rochas, o seu tamaño complica o tempo de goce desta praia, ideal pola tranquilidade que transmite e o doado acceso.
Lonxitude: -.
Anchura media: -.
Equipamento: -.
A Frouxeira
Referente histórico das praias da bisbarra, A Frouxeira acadou a Bandeira Azul xa en 1993. Nos seus tres kilómetros de longo alterna a zona semiurbana da praia pequena con outras moito menos frecuentadas que chegan ata o faro da Frouxeira.
Un amplo espazo no que hai sitio para o baño, a práctica do surf ou bodyboard e longos paseos pola area branca e fina. En canto ás condicións do areal repítense as de case todo o litoral valdoviñés, con mar aberto, forte ondada e ventos constantes.
O conxunto natural da Frouxeira complétase coa lagoa do mesmo nome.
Coordenadas GPS: 43° 36' 50.133" N - 8° 9' 6.8394" O.
Lonxitude: 3.000 m.
Anchura media: 45 m.
Equipamento: Salvamento, limpeza, papeleiras, aseos, duchas, accesible para discapacitados, transporte, hostalería e cámping.
Prados
Na estrada da costa que vai de Valdoviño a Pantín atopamos varias calas de acceso pouco aconsellable… pero moi fermosas.
Prados é unha destas praias virxes, un lugar moi tranquilo, de area e pedra e que tan só se pode visitar en marea baixa.
Lonxitude: 100 m.
Anchura media: 3 m.
Equipamento: -.
Rosella
Praia virxe de gran beleza, pero á que o seu acceso a través de cantís, a súa forte ondada e os ventos fan desaconsellable a visita, que tan só podería realizarse en marea baixa.
Lonxitude: 150 m.
Anchura media: 3 m.
Equipamento: -.
Pantín (O Rodo)
Recoñecida nos cinco continentes logo de máis dun cuarto de século no circuito mundial de surf, Pantín ten un lugar para cada tipo de público. A maiores do seu interese deportivo, entre os motivos tamén está o río que chega ata o mar bordeando a area branca e fina e que a fan destino predilecto de pais con pequenos.
Caracterízase polo mar aberto, os ventos constantes e a forte ondada.
Ao fondo do areal, nunha zona máis resguardada e tranquila, está a praia de Porto Carrizo.
Coordenadas GPS: 43° 38' 20.4354" N - 8° 6' 33.6594" O.
Lonxitude: 950 m.
Anchura media: 46 m.
Equipamento: Salvamento, limpeza, papeleiras, aseos, duchas, accesible para discapacitados, transporte (a 1 km) e hostalería.
Porto Carrizo
Tan só unha pequeno cantil a separa de Pantín… pero cambia totalmente a fisonomía das dúas praias. Ao entrar en Porto Carrizo atopamos un areal sen apenas vento e ondas e que, sen ser a praia virxe de hai uns anos, mantén unha afluencia baixa.
Porto Carrizo carece de servizos, pero a súa proximidade a Pantín permite que utilice parte das súas infraestructuras.
Dende 2010 está declarada como praia naturista.
Coordenadas GPS: 43° 38' 20.4354" N - 8° 6' 33.6594" O.
Lonxitude: 200 m.
Anchura media: 15 m.
Equipamento: Transporte (a 1 km) e os servizos anexos de Pantín.
O Baleo
Atopamos a praia do Baleo nun entorno rural moi fermoso, o que non impide que conte cos servizos básicos.
Frecuentada polos surfistas, é unha praia de boas ondas e area branca e fina.
Coordenadas GPS: 43° 38' 42.63" N - 8° 6' 0.597" O.
Lonxitude: 400 m.
Anchura media: 25 m.
Equipamento: Salvamento, limpeza, papeleiras, aseos, duchas e transporte (a 1 km).
Graxal
Cala de grava e rochas con ventos fortes e ondada moderada. Situada no entorno de Punta Chirlateira, hoxe en día é prácticamente inaccesible.
Lonxitude: 100 m.
Anchura media: 6 m.
Equipamento: -.
Vilarrube
O segundo areal máis extenso de Valdoviño posúe un espazo de dunas de gran interese, o que sumado á súa condición de enseada imprímelle un carácter moi especial e de gran beleza.
De area branca e fina, as súas augas tranquilas non impiden que tamén sexa unha boa zona para a práctica do surf.
Coordenadas GPS: 43° 38' 18.87" N - 8° 4' 20.985" O.
Lonxitude: 1.420 m.
Anchura media: 75 m.
Equipamento: Salvamento, limpeza, papeleiras, aseos, duchas, accesible para discapacitados, transporte e hostalería.