As escolas unitarias dan a coñecer o seu proxecto educativo ás familias da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia
Aproveitando o encontro de familias que a Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia celebra cada mes, o equipo docente do CRA O Esquío de Valdoviño realizou para todas elas unha pequena presentación do seu proxecto educativo. O obxectivo era claro: dalo a coñecer entre os pais e nais dos/as potenciais alumnos/as para lograr novas matriculacións que blinden a súa continuidade en futuros exercicios.
Así, María Rodeiro, profe en Vilarrube, especialista en música e directora do CRA, desprazouse ao PAI xunto ás súas compañeiras, Lucía Leira –mestra en Taraza-, Vanessa Muíño –en Lago- e Ana Pérez –especialista en Educación Física e profe de apoio ás unitarias-. Faltaba o especialista en lingua inglesa co que tamén conta o CRA. Tres escolas unitarias nas que estudan actualmente 23 nenas e nenos –Vilarrube (10)-, Taraza (7) e Lago (6)-. Todas elas, segundo explicou Rodeiro, coa mesma filosofía educativa que a Aula da Natureza de Valdoviño.
Un modelo que seguirán dando a coñecer con novas actividades. A máis próxima os días 6 e 10 de febreiro, con xornadas de portas abertas nas escolas, de 10,30 a 13 horas. Así mesmo, animan a seguir a súa actividade a través das redes sociais (facebook e instagram), un escaparate virtual do seu día a día.