O Concello de Valdoviño convoca un concurso de debuxo infantil para elixir á mascota do Océano Surf Museo
O Océano Surf Museo busca a súa Mascota do Ano, unha imaxe que o represente neste 2020. E faino entre o alumnado do CPI Atios e as escolas unitarias do CRA O Esquío –de todos os cursos e idades-. Por iso, segundo avanzou o alcalde, Alberto González, o Concello plantéalles o reto de participar no concurso de debuxo convocado para tal fin. O protagonista debe ser un animal mariño que reflicta o espírito e os valores deste deporte e debe realizarse sobre unha cartolina branca tamaño A4, relacionando ao mesmo tempo o surf co océano. A técnica é libre: lapis, cera, rotulador, témpera, óleo…
O xurado valorará a orixinalidade, creatividade, imaxinación e adecuación ao tema proposto. O/a artista gañador/a recibirá un agasallo, que será entregado no propio museo e o seu debuxo terá a honra de representar ao museo durante o ano 2020.
É preciso presentar o debuxo no Océano Surf Museo antes do 9 de febreiro de 2020. Así, débese escribir o título pola parte de atrás –en ningún caso poñer o nome do/a autor/a no cara dianteira- e introducilo nun sobre pechado cos seguintes datos: título do deseño, nome e apelidos, curso e idade e número de teléfono do pai, nai ou titor legal.