Concello e CPI Atios conmemoran o Día da Diversidade Sexual creando nos muros do centro un mural multicor
O Concello de Valdoviño, en colaboración co CPI Atios, adiantouse á conmemoración, este domingo, do Día da Diversidade Sexual, cunha fermosa iniciativa na que participou unha representación do alumnado e o pintor afincado no municipio Manuel Carballeira. A primeira hora da mañá, sacaban os pinceis e os botes de pintura e comezaban a elaborar un mural coa bandeira multicor nun dos muros do centro educativo.
Manuel Carballeira foi guiando os seus pasos ata conseguir un resultado espectacular e, sobre este símbolo da diversidade sexual que querían visibilizar, concluíron co lema «Liberdade de Ser e Sentir», o da campaña da Deputación provincial da Coruña á que se ten adherido o Concello de Valdoviño.
A iniciativa formaba parte do programa municipal «Somos e Contamos» que impulsa a Concellería de Servizos Sociais, e completouse co izado da bandeira multicor na fachada da casa consistorial.