Xosé Manuel Méndez Rodríguez, “Pitelos”, inaugura en Valdoviño unha exposición cos seus últimos traballos de pintura

O acto terá lugar este venres ás 19:30 horas na sala de exposicións temporais da casa da cultura, onde poderá visitarse ata o 31 de xullo

Valdoviño, 3 de xullo do 2025. A Casa da Cultura acollerá este venres a inauguración dunha mostra pictórica de Xosé Manuel Méndez Rodríguez, «Pitelos». O acto, aberto á veciñanza, iniciarase ás 19:30 horas, coa presenza do autor, e a partir de entón poderá visitarse ata o 31 de xullo de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas. A expo recolle unha escolma dos traballos máis recentes do polifacético artista compostelán no ámbito da pintura.

Méndez Rodríguez comeza a súa traxectoria hai máis de 50 anos, realizando a súa primeira exposición de pintura en 1972. Neses primeiros momentos participa de experiencias no mundo da pintura, escultura, fotografía… incorporándose nos 80 ao sector audiovisual, do cine, teatro, danza e ópera. En 2002 regresa á pintura por medio da actualización de pasaxes mitolóxicas gregas trasladadas a espazos actuais. As súas mostras máis representativas dos últimos anos son “Consolart”,  serie na que pon un pé na escultura; “Míticos no Leito”, con oitenta composicións nas que diversos profesionais do audiovisual galego posan coma persoeiros da mitoloxía grega, e “Retratos con Alegoría”, dúas mostras realizadas baseadas en representacións alegóricas recopiadas por Cesare Rippa  no Renacemento. A estas súmanse “Senti2”, un macro retablo con figuras alegóricas de gran formato representando os 5 sentidos; “Ovo Voandeiro” e “Constelatio”.