Xestión da biomasa nas faixas secundarias

Descarga do documentación para a comunicación de discrepancias ou alegacións

Valdoviño, 18 de outubro do 2024. Nas últimas semanas, a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (SEAGA) levaba a cabo labores de inspección do estado da xestión da biomasa nas faixas secundarias nun total de 6.650 parcelas do municipio. Os traballos incluíanse no marco do convenio de colaboración entre entre Xunta de Galicia, Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) e SEAGA en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. A este adheríase o Concello de Valdoviño tras a aprobación do seu I Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais.

A partir desta inspección, SEAGA está a notificar aos propietarios e propietarias que incumpren as obrigas marcadas pola normativa autonómica para que procedan á limpeza, roza e retirada de restos de vexetación na faixa de 50 metros perimetral ao solo urbano, núcleos rurais e vivendas illadas, ademais da distancia adecuada a pistas e outros equipamentos. Esas tarefas, ademais da retirada de determinadas especies arbóreas, terían que realizarse antes de rematar o mes de maio de cada ano, tal e como se recolle na lexislación autonómica. Agora, os donos e donas dos terreos que non cumpriron con esa esixencia deberán realizar os labores para evitar a correspondente sanción. No caso de que non cumpran co requerimento, serán sancionados, e SEAGA executará subsidiaramente os traballos, repercutindo nos propietarios e propietarias o custe.

O plan municipal identifica todas e cada unha das parcelas afectadas polas faixas secundarias de xestión de biomasa. Nese listado pódense consultar as referencias catastrais, a superficie total e a superficie de afección de cada unha das parcelas. As redes secundarias teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais. Así mesmo, é obrigatorio para as persoas que resulten responsables xestionar a biomasa vexetal.

A Xunta pon a disposición unha ferramenta online, un visor de faixas secundarias, para consultar a afectación das parcelas: ENLACE

Ademais, para a presentación de discrepancias ou alegacións aos labores de inspección, a veciñanza dispón dun modelo tipo de comunicación que pode descargar da web municipal ou recoller na casa consistorial e presentar no rexistro xeral: INSTANCIA ALEGACIÓNS