Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre, protagonistas musicais este domingo en Valdoviño
O espectáculo contará coa participación de agrupacións de música e baile tradicional da zona
Valdoviño, 16 de agosto do 2023. Cita imprescindible para os amantes da música de raíz en Valdoviño. A Porta do Sol acolle este domingo, 20 de agosto, a partir das 21.30 horas, o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. Presentarán o seu traballo conxunto máis recente, “As catedrais silenciadas” nun espectáculo, que contará coa participación de varias agrupacións da zona.
Neste directo, Xabier Díaz, nome de referencia no folk galego, tendo participado en proxectos da envergadura de Berrogüetto, repasará os temas do seu terceiro álbum xunto ás adufeiras, que poñen a súa voz e as súas percusións a un traballo, que convenceu desde o primeiro momento a crítica e público. Así, gañou en 2020 o Premio Martín Códax de música tradicional e, a nivel internacional, mantívose durante meses entre os 25 mellores discos da prestixiosa World Music Charts Europe.
Tras o éxito de “The tambourine man” e “Noró”, os seus álbums conxuntos anteriores, “As catedrais silenciadas” xorde como un berro de alerta ante o progresivo despoboamento do rural e a perda identitaria que iso implica. O repertorio do concerto incluirá pasodobres, alalás como o que dá nome ao disco, muiñeiras… en definitiva, música tradicional actualizada.
O espectáculo de balde, que abrirán o grupo Algarabía de Lago, Mestura de Meirás e o GB. Álvaro Cunqueiro e convidados, está incluído na programación cultural do Concello, e chega a Valdoviño da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña.