Xa se poden retirar as invitacións para asistir este domingo á obra 8M(ULIER) de Trémola

A función inclúese na programación de actos deseñada polo Concello de Valdoviño con motivo do Día Internacional da Muller

Trémola Teatro trae este domingo a Valdoviño a súa obra 8M(ULIER). Un espectáculo no que Paula Regueiro e Lucía L. Golán botarán unha ollada aos contos tradicionais dende unha perspectiva ben diferente, reivindicando a figura da muller a través dunha viaxe que non deixará indiferente a ninguén. Será a partir das 18 horas no auditorio da Casa da Cultura e, para asistir, é preciso retirar invitación previamente. Pode facerse na Casa da Cultura ata o venres ou ata completar prazas de 10 a 14 h e de 16 a 20 h. 

A cita, dirixida a un público maior de 16 anos, inclúese na programación de actos deseñada polo Concello de Valdoviño con motivo do Día Internacional da Muller. Así mesmo, este mesmo domingo, inaugurarase a exposición «GALICIANAS. Mulleres galegas facendo historia», da asociación Vai Rañala Meu! Permanecerá en Valdoviño ata o 28 de marzo, e poderá visitarse en horario da biblioteca e tamén antes e despois das actividades culturais que se programen, seguindo as indicacións dos responsables de Cultura.