Visitar os comercios e despachos profesionais da Porta do Sol terá premio coa xincana Valdoviño Comercio Explorer
Mañá abre a inscrición para participar na iniciativa, que se celebrará o 9 de decembro, e na que se premiará ás parellas gañadoras con vales agasallo por valor de 200 euros para canxear nos negocios adheridos
Valdoviño, 9 de novembro de 2023. Visitar os comercios e despachos profesionais da Porta do Sol de Valdoviño terá premio. O vindeiro sábado 9 de decembro, Concello e negocios organizan unha xincana baixo o lema «Valdoviño Comercio Explorer» coa que convidan a veciños e veciñas do municipio e de calquera outra localidade a coñecer a oferta local dun xeito divertido. Así, por parellas, deberán percorrer 9 establecementos -ao longo de algo menos dos 2 kms que separan Herrería Jaime e Rainbow Idiomas, e que concentran os 30 establecementos adheridos á campaña de dinamización do comercio local da Porta do Sol e área de influencia-. En cada un deles, comerciantes e profesionais realizarán unha pregunta sobre o seu negocio ás parellas visitantes, que poderán contestar a través da observación. Completado ese itinerario, deberán acudir á casa da cultura para contestar o enigma final. Unha última cuestión cuxa resposta atoparán na campaña «Comercio de Valdoviño, o da casa», que arrancaba hai uns días nas redes sociais do Concello (facebook e instagram).
As 3 parellas que resposten correctamente ás preguntas, e o fagan no menor tempo posible, serán obsequiadas cun cheque agasallo por valor de 200 euros para canxear nos establecementos adheridos. Poderán participar nenos/as acompañados dunha persoa adulta; parellas integradas por adolescentes -entre 13 e 18 anos- e parellas de 2 adultos/as. Iso si, é preciso inscribirse previamente, e o prazo ábrese mañá venres, 10 de novembro, ata o día 20 -incluído- a través do correo comunicacionconcellovaldovino@gmail.com ou presencialmente na casa consistorial -primeira planta-. É preciso sinalar nome e apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto.
Participan na iniciativa: Herrería Jaime, Frutas Chantarela, Electro Agro Valdoviño, Gran Casa China, Asesoría Tax, Mapfre, Lavandería Valdoviño, Farmacia Casariego, Aliprox, Muebles Valdoviño, Electrodomésticos Nito, Agrogar, Frutas y Hortalizas Nieves e Hijo Juan, Despeluxada Peluquería, Clínica Dental Couce, Con fío de Inés, Ultramarinos Josvy, Talleres Casiano, Clínica Podológica Inés Ferreira, Farmacia Romero Rico, Dia, Pescadería A Nosa Ría, Rainbow Idiomas, Rehafis, Fisioterapia y Salud, Maranello Estilistas, A Tenda da Morriña, Floristería Luz, Librería Xeila, Confitería Campeiras, Loterías Chamba.