Visita guiada por Vicente Irisarri ao Océano Surf Museo no seu 4º aniversario
Terá lugar este sábado a partir das 12 horas, sen necesidade de reserva previa
Valdoviño, 1 de decembro de 2021. O Océano Surf Museo cumpre hoxe 4 anos e o Concello de Valdoviño celebrará este novo aniversario cunha visita guiada ás instalacións a cargo dun guía de luxo, Vicente Irisarri. Cofundador do Océano Surf Club e do Pantín Classic, e impulsor destas instalacións pioneiras en España xunto a Jesús Busto e o Concello. O itinerario guiado pola historia do surf dende as súas mesmas orixes será este sábado 4 de decembro a partir das 12 horas, con entrada libre, prazas limitadas que se completarán por orde de chegada.
Ademais, o museo vén de ampliar diferentes seccións, como a adicada ao Pantín Classic, sumando neste espazo as revistas e carteis orixinais de todas as edicións, ou Fillos do surf, coa incorporación das referencias ao bodyboard, skateboard ou bodysurfing.
Así mesmo, o Océano Surf Museo presentará proximamente o Manifesto para a Protección das Ondas en sete idiomas (galego, castelán, inglés, francés, portugués, alemán e italiano), como paso previo á súa difusión en centros educativos e posta a disposición de todas as personas interesadas. O documento constitúe una declaración pública da importancia de conservar as rompentes de surf como patrimonio natural e recurso deportivo, socioeconómico e cultural.
DE CARA A 2022
Coa vista posta no 2022, o Océano Surf Museo prevé lanzar unha nova edición do concurso Mascota OSM 2022. Un certame xa consolidado e esperado pola comunidade escolar. Tamén novas exposicións temporais ou a ampliación do programa de visitas para centros educativos, que se complementan coas guiadas pola Sociedade Galega de Historia Natural á lagoa da Frouxeira.