Visita guiada e proxección arredor das exposicións sobre Barriga Verde, este domingo na Casa da Cultura de Valdoviño

Con estas actividades, clausuraranse en Valdoviño as mostras sobre o títere tradicional por excelencia en Galicia que impulsa a Asociación Morreu o Demo

Valdoviño, 10 de xaneiro do 2023. O Concello de Valdoviño retoma a programación cultural de xaneiro cunha doble cita este domingo arredor das exposicións “Onde foi Barriga Verde?” e «A arte dos Silvent!» que aínda poden visitarse na Casa da Cultura arredor do títere tradicional por excelencia en Galicia. Así, a partir das 17:30 horas, Anxo García, da compañía Viravolta, actuará de anfitrión nunha visita guiada polas expos, e media hora máis tarde, sobre as 18:00 h, proxectarase no auditorio o documental “Morreu o demo, acabouse a peseta”. Con esta frase remataban os espectáculos do último títere tradicional galego, Barriga Verde, cuxo nome resoa aínda na memoria de moitas persoas a pesares de que o boneco e as formas daquel espectáculo corren o risco de caer no esquecemento. Precisamente, este traballo audiovisual, dirixido por Pedro Solla e producido por Tintimán Audiovisual, amosa o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde por parte dos membros da compañía Viravolta. Un achegamento ao títere de luva galego e á tradición europea da que forma parte. 

Ata o domingo, as exposicións, que impulsa a Asociación Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña, poderán visitarse con entrada libre na Casa da Cultura de luns a venres de 11 a 14 e de 16 a 19 h.