Visita do presidente da Federación Galega de Fútbol ás obras do campo de fútbol de herba artificial de Valdoviño

Rafael Louzán estivo acompañado do alcalde, Alberto González

O presidente da Federación Galega de Fúbol, Rafael Louzán, visitou esta mañá as obras de construción do campo de fútbol de herba artificial de Meirás, en Valdoviño. Unha visita na que estivo acompañado do alcalde, Alberto González; do presidente do clube local, Juan Carlos Aneiros; dos concelleiros de Deportes e Obras, Sergio Saavedra e Alejandro García, así como de directivos da federación. As obras, que cofinancia a Deputación provincial da Coruña, están moi avanzadas e tan só restan algunhas intervencións complementarias cuxo remate depende agora da climatoloxía. 

A construción do novo campo de herba artificial inclúese nunha actuación máis ambiciosa que contempla a reordenación do espazo contiguo ao campo actual, coa creación de beirarrúas e zonas de estacionamento, así como o aglomerado de viais. En suma, conta cun investimento cercano aos 320.000 euros. 

A construción do novo terreo de xogo permitirá que as categorías base poidan adestrar no municipio en lugar de, como ata o dagora, desprazarse a Ferrol.