Visita a Valdoviño da subdelegada do Goberno
Tras a súa toma de posesión, María Rivas mantivo unha xuntanza co alcalde, Alberto González, para abordar temas de interese común como as obras de mellora da eficiencia enérxetica nas dependencias da Garda Civil ou a creación do centro de alto rendemento do surf
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, realizou esta mañá unha visita a Valdoviño, a primeira dende a súa recente toma de posesión, para manter unha xuntanza de traballo co alcalde, Alberto González, e abordar diferentes asuntos de interese común. Na mesma tamén tomaron parte os concelleiros de Servizos, Benito Vega, e Obras, Germán Gómez. A visita daba comezo no posto da Garda Civil no municipio, sito no edificio que alberga o Centro Sociocomunitario e o Xulgado de Paz, continuaba na casa consistorial e remataba na contorna da lagoa da Frouxeira.
No posto da Garda Civil, subdelegada e alcalde acordaban precisamente establecer vías de colaboración para afrontar obras de mellora enerxética nas dependencias, buscando vías de financiación como os fondos europeos. Alberto González apuntou que o Concello xa traballa no anteproxecto desta intervención, para a que María Rivas comprometeu o seu apoio.
Xa na consistorial, na axenda figuraron proxectos como a mellora da accesibilidade da praia de Vilarrube e a ampliación do estacionamento para dar servizo aos seus usuarios e usuarias. Unha intervención cuxo proxecto redacta actualmente a Demarcación de Costas en Galicia tras a reunión celebrada a finais de maio entre a anterior subdelegada, o xefe de Costas, Rafael Eimil, e o propio rexidor.
Alberto González tamén solicitou a colaboración da subdelegada para facer realidade un dos proxectos que lle darían a Valdoviño o espaldarazo definitivo como municipio de referencia para a práctica do surf en España: a creación do centro de alto rendemento que demanda a Federación Española de Surfing. O Concello xa conta cos terreos e está a elaborar o proxecto, que acompañaría da calificación das súas praias como espazos deportivos. Esta consideración permitiría a inclusión dos areais no circuito mundial de praias para o adestramento de clubes e entidades. Un proxecto que o Concello de Valdoviño xa planteou a Deputación e Xunta, e no que a Federación traballa co Consello Estatal de Deportes.
A recuperación e posta en valor de propiedades de Defensa no municipio, como as recén cedidas baterías de Campelo, tamén foron obxecto de análise, así como o apoio do Goberno central á candidatura do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. Unha oportunidade única para favorecer o desenvolvemento socioeconómico dos concellos de Ortigueira, Cariño, Cedeira, Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño sobre a base dos seus recursos xeolóxicos.