Vinte veciños e veciñas súmanse aos hábitos de vida saudables a través dun programa de promoción da saúde da REGAPS

Coa colaboración do Concello, celebrarase no municipio ata decembro

Valdoviño, 23 de outubro do 2025. Vinte veciños e veciñas participarán de aquí a decembro no programa que impulsa a Rede Galega de Promoción da Saúde -REGAPS- para promover a adopción de hábitos de vida saudables. A iniciativa, na que colabora o Concello de Valdoviño, está guiada por unha terapeuta ocupacional e unha traballadora social da Área Sanitaria de Ferrol. Así, as sesións arrincaban este mércores cunha primeira toma de contacto para unha valoración inicial coa que concretar o punto de partida do grupo en relación aos seus hábitos. Unha información clave para planificar dinámicas e ferramentas a implantar.

O programa susténtase en tres piares fundamentais: a actividade física, a alimentación saudable e o benestar emocional. Respecto ao primeiro, programaranse andainas periódicas pola contorna, incorporando consellos sobre estilos de vida saudables. Entre eles, a alimentación saudable. Neste sentido, tamén se levarán a cabo sesións informativas e empregaranse ferramentas da plataforma Sanidade Mediaverso e de Xanela aberta á familia, como o planificador de comidas ou a axenda saudable, entre outras. E finalmente, desenvolveranse sesións teórico-prácticas sobre o benestar emocional, facendo fincapé na importancia da hixiene do sono.