Vilarrube cóase nas aulas de Arquitectura e o alumnado formulará propostas de intervención para a posta en valor de espazos da parroquia

Preto de 140 estudantes asistían esta mañá a unha charla a cargo do alcalde, Alberto González, e realizaban unha visita posterior a diferentes lugares sobre os que plantear os seus proxectos

Valdoviño, 27 de setembro do 2024. Vilarrube converterase este curso no campo de estudo da asignatura «Análise da Arquitectura» para o alumnado de 2º e 3º curso da Escola Técnica Superior da Coruña. Xunto ao equipo docente, uns 140 estudantes chegaban hoxe ao noso municipio -a inmensa maioría visitábanno por primeira vez-, para asistir a unha primeira charla no auditorio da casa da cultura a cargo do alcalde, Alberto González, que tirou neste caso da súa condición de arqueólogo para ofrecerlles algunhas claves sobre o territorio. A partir de aí, trasladábanse a Vilarrube para analizar a paisaxe sobre o terreo, con paradas na praia, percorrido pola senda que bordea o río Ferrerías ou visita ao núcleo de Porto do Cabo. Agora tocaralles traballar nas aulas, e formular as súas propostas de intervención para a parroquia.

A experiencia dá continuidade á iniciada no pasado curso. Daquela, a escola convidaba ao seu alumnado a formular propostas para a recuperación e posta en valor da batería de Monte Campelo, en Meirás. Saíron daquela iniciativas transformadoras, respectuosas co medio e coa historia do lugar, hoxe visibles a través dunha exposición aberta na casa da cultura -ata o vindeiro luns-.

Esta mañá, o alcalde daba unhas pinceladas sobre o concello, para centrarse de seguido en Vilarrube. Destacaba especialmente as figuras de protección que pesan sobre espazos clave da parroquia, que dificultan iniciativas e proxectos, e reivindicaba o seu patrimonio cultural e etnográfico, poñendo énfase no Camiño Vello a Santo André que discorre en parte pola parroquia.