Vida Activa e Pantín Surf Camp únense un verán máis para ofrecer clases de surf adaptado para persoas con discapacidade intelectual

Rapaces e rapazas da entidade subíronse á táboa un ano máis na praia de Pantín, tras compartir xogos na area cos nenos e nenas de Concilia

Valdoviño, 24 de xullo do 2023. Dende hai 15 anos, a asociación Vida Activa traballa día a día a favor da integración social de persoas con discapacidade intelectual, ofrecendo actividades de lecer e tempo libre complementarias á programación dos centros de día e ocupacionais de entidades da comarca como Aspanaes, Aspaneps, Teima, Cogami, Souto de Leixa… e un longo etcétera. Unha programación que conta cun bo número de aliados. Entre eles, e dende hai preto dunha década, está unha das escolas de surf máis veteranas de Valdoviño, Pantín Surf Camp. A súa unión fai posible cada verán a participación dos rapaces e rapazas nunha das actividades máis gratificantes: as clases de surf adaptado. A última celebrouse o pasado venres na praia de Pantín, e volveu converterse nunha experiencia única.

En pequenos grupos de tres/catro persoas por monitor, recibían unha breve formación teórica previa aos exercicios de quentamento xa sobre a area. A continuación, collían a táboa e deslizábanse sobre as ondas, chegando incluso nalgúns casos a erguerse sobre a táboa. Moita emoción, e sobre todo, satisfacción por conseguir dominar as ondas.

Ese mesmo día, e seguindo a filosofía de Vida Activa de promover actividades inclusivas nas que se favoreza a integración social dos rapaces e rapazas, compartían unhas horas de lecer con nenos e nenas dos campamentos Concilia Verán que organiza o Concello de Valdoviño. Todos eles e elas, desfrutaban tamén no areal de xogos como fútbol e volei praia ou tiro da corda.