Veciños e veciñas presentan 165 imaxes ao concurso aberto para ilustrar o calendario 2026 do Concello de Valdoviño

O almanaque presentarase oficialmente o 19 de decembro

Valdoviño, 1 de decembro do 2025. A Concellería de Cultura recibiu un total de 165 imaxes da veciñanza no concurso aberto para participar no deseño do calendario municipal 2026. A cifra medra lixeiramente respecto ao ano anterior, cando se presentaron ao redor de 150 fotografías, e o xurado reuníase o pasado venres na Biblioteca para facer a selección. Integrado polo técnico informático Manuel Caínzos; a auxiliar de biblioteca Carmen Iglesias; o concelleiro de Urbanismo, Sergio Saavedra, e a técnica de Cultura, Rita Díaz, avanzaban a dificultade do traballo pola calidade das imaxes que concorren este ano.

Nesta liña, a concelleira de área, Rosana García, avanzaba que o almanaque presentarase nun acto público o vindeiro 19 de decembro, e a partir de aí repartirase gratuitamente entre o movemento asociativo, e tamén, entre a cidadanía que o solicite tanto na casa consistorial como na casa da cultura.