Valdoviño utilizará códigos QR como escaparate do seu patrimonio máis curioso e descoñecido
Un xogo de pistas nas redes sociais municipais permitirá descubrir as localizacións desta nova sinalización
O Concello de Valdoviño arranca o ano cun novo proxecto turístico onde as TIC´s (tecnoloxías da información e comunicación) e o patrimonio mestúranse. Diversos recursos de interese da localidade estrearán nos próximos días códigos QR, permitindo aos visitantes acceder a través dos seus móbiles a datos curiosos sobre o que teñen fronte aos seus ollos. Un goteo de pistas, a través das redes sociais municipais, permitirá ir descubrindo semanalmente novas localizacións.
A iniciativa busca promocionar elementos do patrimonio que, ata o de agora, son descoñecidos mesmo para moitos veciños e veciñas e, en paralelo, achegar datos rechamantes sobre algúns dos principais reclamos do municipio. Apuntamentos anecdóticos, que escapan aos que adoitan recoller os habituais paneis interpretativos e guías.
Trátase pois de promocionar recursos de interese histórico, medioambiental ou xeolóxico, e potenciar a oferta turística cunha sinalización de calidade, apostando por unha ferramenta como os QR que, de maneira sinxela, permiten ao visitante acceder cos seus dispositivos móbiles a información que enriqueza a súa estancia.
A posta en marcha da primeira fase do proxecto inclúe preto dunha vintena de placas, distribuídas por lugares das oito parroquias do municipio. E combinarase co lanzamento dunha sorte de reto nas redes sociais e o sorteo de “premios”.
Así, as páxinas oficiais de Facebook e Instagram de “Valdoviño Turismo” publicarán semanalmente pistas para que visitantes e veciños tenten descubrir onde se atopan os pivotes cos códigos. E, se o adiviñan e comparten unha foto neses espazos xunto coa placa e o hashtag #ValdoQR entrarán no sorteo de merchandising do Océano Surf Museo.