Valdoviño xa conta co seu primeiro Centro Sociocomunitario

O alcalde, Alberto González, informou do remate da primeira e segunda fase da intervención que permitiu convertir o antigo mercado municipal nestas instalacións sociais, funcionais e accesibles

Tras ano e medio de obras e un investimento duns 300.000 euros, Valdoviño conta hoxe co seu primeiro Centro Sociocomunitario. O alcalde, Alberto González, informaba de que o Concello vén de concluír a primeira e segunda fase da intervención que permitiu a transformación radical do antigo mercado municipal. Un espazo sen uso que hoxe acolle o centro social. Pero para iso, foron precisas toda unha serie de intervencións que mudaron drasticamente a funcionalidade e accesibilidade das instalacións. E, tamén, como asegura Alberto González, a implicación activa tanto da Deputación provincial da Coruña como da Xunta de Galicia, que colaboraron no financiamento das actuacións. 

O Centro Sociocomunitario sitúase agora nun lugar privilexiado, na contorna da Casa da Cultura e do Centro de Saúde e, dende hai unhas semanas, acolle as súas primeiras actividades. Así, as persoas participantes na actividade de ioga que organiza o Concello cambiaban o escenario do auditorio municipal pola primeira planta do centro, convertíndose nos seus primeiros usuarios.

Os primeiros pasos dun camiño que, segundo explica o alcalde, busca converter estas instalacións nun auténtico centro de actividade para os valdoviñeses de todas as idades e, tamén, do movemento asociativo. Precisamente, o Concello programará nos próximos meses unha serie de visitas guiadas dirixidas a entidades e asociacións do municipio, co ánimo de darlles a coñecer as instalacións e os seus futuros usos. 

Coa súa posta en marcha, Valdoviño aforrará tamén os gastos de aluguer do baixo próximo que servía de punto de encontro das persoas maiores da localidade, xa que a intención é trasladar a actividade ao novo centro cando a situación o permita. 

AS OBRAS

As obras contemplaron a ampliación da superficie útil do inmoble mediante a cubrición da zona de soportais do exterior; a demolición das escaleiras de acceso e a construción dunhas novas; comunicouse a nova planta baixa coa primeira a través dun ascensor e creouse nese primeiro andar un espazo diáfano. Así mesmo, acondicionouse o baixo tamén como espazo diáfano e acceso secundario ao centro. As obras completáronse cos traballos en materia de electricidade, iluminación, fontanería e acabados, así como a redistribución dos aseos e cuarto da limpeza, e a instalación do pavimento. 

EN CARTEIRA, A TERCEIRA FASE

O alcalde explica que o Concello traballa xa na xestión dos fondos necesarios para acometer unha terceira fase no inmoble, independente e complementaria ás dúas rematadas. Unha terceira fase orzamentada nuns 500.000 euros, e que prevé a construción dunha segunda planta que comunique a través dun pasillo en altura co inmoble da Casa da Cultura.