Valdoviño, tamén para cinéfilos
Que o cinema contribuíu a catapultar ao éxito recunchos e espazos naturais en todo o mundo é un feito. Tanto é así, que hai lugares que trunfan como destino turístico pola única razón de acoller gravacións cinematográficas. Non é o caso de Valdoviño. Aínda que o certo é que a rodaxe de películas nalgúns puntos da localidade actuou como efecto imán.
Neste sentido, sen dúbida, foi a película “La muerte y la doncella” (1994) a que tivo un papel máis decisivo na proxección do municipio. A rodaxe na localidade de distintas escenas deste filme, protagonizado por unha Sigourney Weaver – no cume da súa carreira- e por Ben Kingsley, revolucionou no seu día a comarca e puxo o foco en Punta Frouxeira. Os seus cantís, convertidos por obra e graza do controvertido director Roman Polanski, en parte da costa chilena, cobraron unha dimensión diferente desde entón.
La muerte y la doncella” foi a mellor longametraxe das que se rodaron en Ferrolterra, pero non foi a única que permitiu gozar en pantalla grande de Valdoviño.
Unha produción máis modesta, a española “Agallas”, situou no 2009 tamén a Carmelo Gómez e a Hugo Silva ao bordo deste acantilado nunha das secuencias máis lembradas do filme. Aínda que os espectadores desta cinta sobre capos do narcotráfico en Galicia gozaron dunha pequena visita panorámica de Valdoviño, grazas a unha carreira a cen por hora pola estrada da costa. Unha ruta que na película arrinca na subida ao miradoiro do Paraño e, inmediatamente, empata coa costa de Pantín.
E a un paso de Punta Frouxeira, tamén en Meirás, graváronse no 2015 parte das escenas da coprodución entre España e República Dominicana “Dos mejor que una. Sol y Luna”, a última longametraxe ata agora con localizacións en Valdoviño. Unha cinta que converteu a contorna máxica da capela do Porto e o seu mar bravo na representación con maiúsculas do litoral galego.
A proposta
Neste verán atípico, o do ano máis raro das nosas vidas, convidámosche a volver ver estas cintas e, sobre todo, coñecer sobre o terreo, sexas ou non cinéfilo, os platós cinematográficos de Valdoviño.