“Valdoviño tamén… Marisquea”, novo proxecto aprobado polo GALP A Mariña Ortegal

Trátase dnha iniciativa de valorización da actividade marisqueira e de sensibilización medioambiental presentada polo Concello de Valdoviño, que continúa coa súa aposta polo sector

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o proxecto municipal «Valdoviño tamén… marisquea», de posta en valor da actividade e dos espazos extractivos no litoral, recibiu o visto bo do GALP da Mariña-Ortegal e da Consellería do Mar para o seu financiamento. O Concello presentaba este programa á segunda convocatoria de axudas deste organismo na categoría de proxectos non produtivos ou iniciativas destinadas a proxectos de interese xeral (dirixidos a entidades sen ánimo de lucro e administracións). Así, o importe total da axuda ascende a 100.732,52 euros, que cubrirán o 100% do seu custe a desenvolver nas anualidades 2020, 2021 e 2022. 

«Valdoviño tamén… marisquea” denomínase así porque é necesario comunicar ao público xeral e ao alumnado da zona a relevancia desta actividade dende o punto de vista económico e medioambiental e que está invisibilizada, en parte, por outros atributos máis coñecidos e recoñecidos no municipio (como o sector forestal, o turismo deportivo do surf, o sendeirismo, etc.). Deste modo, o proxecto contempla a realización de accións de sensibilización como sesións informativas de loita contra o furtivismo e puntos de encontro en rutas programadas dirixidas a diferentes públicos (alumnado, público adulto).

Tamén se visualizará a actividade extractiva no municipio mediante dispositivos informativos móbiles (paneis informativos) sobre os produtos mariños (percebe, coquina, ameixa, berberecho, ostra…), os sistemas de extracción artesanal e a biodiversidade no litoral. 

Outra das accións é o asesoramento ao sector do marisqueo no desenvolvemento de novos proxectos de emprendemento, como poden ser canles de venda e transformación do produto ou a busca de liñas de financiamento para liñas de negocio e adquisición de equipamentos. 

Ademais, entre os obxectivos específicos do proxecto destaca a mellora das condicións de traballo do colectivo de percebeiros de Meirás e das mariscadoras de Vilarrube a través da adquisición dun módulo integral móbil para aseo, garda de apeiros e útiles de extracción, prendas de seguridade individual, etc. Este equipamento será de carácter móbil e actuará ademais como punto de información e concienciación sobre o furtivismo e de promoción dos produtos do marisqueo do litoral. 

Na baremación do proxecto, tívose en conta o uso de recursos endóxenos locais, coa contratación de empresas e provedores da zona e a colaboración de axentes locais, o grao de innovación (dado o uso de tecnoloxías e metodoloxías participativas como a recollida de testemuñas nos paneis e itinerarios interpretativos do litoral) e o impacto no territorio coa mellora das condicións de traballo de mariscadoras e percebeiros e a dignificación do seu oficio. 

PERCEBEIROS DE MEIRÁS

Cabe sinalar que o colectivo de percebeiros constituíse como “Asociación de Percebeiros de Meirás” no ano 2009 e a partir de 2010 comezaron a organizar, co Concello de Valdoviño, a “festa do percebe” apoiados tamén pola Confraría de Ferrol (na que está asociado este grupo dada a distribución territorial que se corresponde cos plans de explotación da Xunta de Galicia). A partir de 2019 comezan a relanzar a súa actividade coa dotación de novos equipos, grazas tamén a liña de axudas do GALP, coa que puideron adquirir sete carros para os barcos e un tractor eiruga para remolcar as embarcacións.

MARISCADORAS DE VILARRUBE

Pola súa banda, as mariscadoras de Vilarrube están integradas organicamente na Confraría de Pescadores de Cedeira, comezando a acusar este colectivo a falta de relevo xeracional dadas as recentes xubilacións e situación sobre a que os GALP galegos están a traballar con proxectos como este e con outros de cooperación como “Relevo”.