Valdoviño sumarase á campaña de verán de doazón de sangue os días 28 e 29 de agosto
O bus de ADOS visitará a localidade coincidindo cos días grandes do Pantín Classic
Valdoviño, 21 de agosto do 2026.Valdoviño sumarase a próxima semana, coincidindo coa recta final do Pantín Classic, á campaña especial de verán da Axencia de doazón de Órganos e Sangue. “Un alento de vida” busca alcanzar cando menos as 22.000 doazóns que precisan os centros sanitarios durante o período estival, poñendo freo ao habitual descenso de doazóns que se rexistra durante as vacacións.
Así, a unidade móbil de ADOS trasladarase ao municipio durante dúas xornadas consecutivas para facilitar que a veciñanza poida doar sen ter que desprazarse da nosa localidade. Ademais, busca captar doantes entre os milleiros de visitantes que se achegarán á localidade para desfrutar dos días grandes da competición internacional de surf.
O bus estará diante da Casa Consistorial o venres 28 de agosto, de 16:00 a 21:00 horas, e máis o sábado 29, entre as 10:00 e as 15:00 horas.
A campaña trata de mobilizar ao maior número posible de doantes co fin de acadar as máis de acadar as 400 doazóns de sangue que necesitan os hospitais para desenvolver de maneira eficaz as súas tarefas sanitarias ao longo de todo o ano. ADOS alertaba esta semana de que as reservas dos grupos A Positivo, A Negativo, 0 Positivo e 0 Negativo presentan niveis baixos.
Como sempre, o chamamento a doar vai dirixido a calquera persoa de máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
