Valdoviño será sede este sábado un dos microfestivais provinciais de “Mocidade creativa”
O certame, para o que xe se distribúen as invitacións, aposta polo ilusionismo e o monólogo
Valdoviño acollerá este sábado un dos microfestivais do programa provincial “Mocidade Creativa”. A iniciativa, coa que se pretende apoiar e promocionar o traballo que desenvolven os artistas máis novos, conxugará no municipio maxia e humor na noite do sábado 28 de agosto. Xa se poden retirar as invitacións para asistir.
Esta velada protagonizada por artistas novos terá lugar nas gradas da Casa da Cultura (trasladarase ao interior se as condición meteorolóxicas o esixen) e contará con dúas figuras xa populares entre parte do público.
Así, ás 21 horas arrincará a actuación do ilusionista Dani Polo, finalista no programa de TVE “Pura magia”, que presentará ao público asistente o seu novo espectáculo “Enmaxiarte”. Unha proposta para toda a familia que mestura elementos de maxia participativa, humor e ilusións de gran impacto.
E tras el, debutará en Valdoviño o monologuista Adrián do Regenco, un mozo de Cabanas de Bergantiños, que colleitou un éxito fulgurante como youtuber durante o confinamento e, saltando directo dende a súa canle nesa coñecida plataforma aos platós da TVG e a facer espectáculos ao vivo.
Para asistir a este micro festival cómpre retirar previamente as invitacións na Casa da Cultura de Valdoviño, ao longo desta semana, en horario de 10 a 14 horas. “Mocidade Creativa” é unha iniciativa da Deputación da Coruña, da man de seis concellos da provincia, para brindar a oportunidade para dar a coñecer a máis de 75 artistas coruñeses, e impulsar a contratación da mocidade con talento.