“Valdoviño Saudable” oferta para este curso clases de ximnasia, tenis e tiro con arco

O Concello de Valdoviño abre hoxe inscricións no programa

Valdoviño, 15 de setembro do 2023. A programación de actividades deportivas «Valdoviño Saudable» que promove o Concello arrancará o curso 2023-24 no mes de outubro, e a partir de hoxe, as persoas interesadas en participar da oferta poden anotarse a través da sede electrónica (https://acortar.link/iMEI24) ou presencialmente na casa consistorial (de luns a venres de 9:00 a 14:00 h). O prazo conclúe o 25 de setembro. Haberá clases de tenis, tiro con arco e ximnasia, e procurarase, como é habitual nos últimos anos, unha descentralización das actividades nas diferentes parroquias. 

Así, o pavillón municipal do Longoiro, en Meirás, albergará as actividades de tenis e tiro con arco. No primeiro caso, a intención é crear 3 grupos segundo o nivel das persoas participantes, os martes e xoves, con clases de 19:00 a 20:00 h; de 20:00 a 21:00 e de 21:00 a 22:15 h. Ademais, tiro con arco terá lugar os luns de 18:00 a 20:00 horas e os venres de 17:00 a 19:00 h. 

Pola súa banda, a actividade de ximnasia desenvolverase na Casa da Cultura de Valdoviño (martes e venres de 10:00 a 11:00 h e de 11:00 a 12:00 h en caso de constatarse demanda); no polideportivo de Meirás (luns, mércores e venres de 11:15 a 12:15 h), e no local social de Vilarrube (martes e xoves de 19:00 a 20:00 h). 

Non hai variacións nos prezos, e o custe mantense respecto a anos anteriores, con tarifas que oscilan entre os 8,86 e os 12,54 euros mensuais en función da frecuencia semanal. Coma é habitual, en caso de que a demanda exceda a oferta terán preferencias as persoas empadroadas en Valdoviño.